Investigadores do Instituto de Materiais-USC (IMATUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o físico Pablo Taboada e o farmacéutico Alberto Coelho xunto co farmacéutico e nutricionista da Limia, Pablo García Vivanco pertencente á Sociedade Española de Farmacia Clínica, Familiar e Comunitaria (SEFAC), son os autores dun artigo científico que enxalza as bases químicas das propiedades anticanceríxenas da Dieta Atlántica do Sur de Europa e que se editou en “Nutrients” unha das principais revistas científicas internacionais.
Co título: “TheSouthernEuropean Atlantic Diet and ItsSupplements: The Chemical Bases ofItsAnticancerProperties”, publicouse o artigo que pon en valor a alimentación galega como un patrón alimentario rico en nutrientes esenciais que ten propiedades antiinflamatorias, antioxidantes, antiproliferativas e protectoras da saúde. O artigo desagrega os bioactivos funcionais, como os fenoles, indoles, flavonas ou isotiocianatos, presentes nos alimentos da Dieta Atlántica do Sur de Europa e as súas propiedades anticanceríxenas.
Son analizados alimentos, tanto na súa composición como no seu mecanismo de acción, con Denominación de Orixe Protexida (DOP) ou Indicación Xeográfica Protexida (IGP). Así entre os doce alimentos a analizar aparece a IGP Pataca de Galicia coas súas tres variedades autóctonas, a Kennebec, a Agre e a Fina de Carballo. Sendo Galicia a Comunidade Autóctona de maior consumo per cápita. Entre as propiedades antioxidantes da pataca, ademais de vitamina C a pataca ten carotenoides e fenilpropanoides.
O contido de carotenoides é diferente en cada pataca e é o que as diferenza pola súa cor. A zeaxantina é un carotenoide responsable da cor laranxa mentres que a luteína é responsable da cor amarela. Estes compostos teñen gran capacidade antioxidante captando radicais libres actuando na prevención do cancro.
O artigo tamén lembra a alta presenza de potasio o que lle confire propiedades cardiotónicas. En Portugal o cultivo da pataca caracterízase por unha pataca de cor máis avermellada, chamada Rede Lady.
O estudo reflicte prato típicos da nosa gastronomía que teñen á pataca como protagonista como o “caldo galego”, “o cocido” ou “o polbo á galega” ou “a carne ou caldeiro”.
FUENTE Periódico LA REGIÓN – Pablo G. Vivanco: https://www.laregion.es/articulo/a-limia/comunidade-cientifica-enxalza-pataca-limia/202310122309391249474.html