A relación entre o estilo de alimentación e a saúde é unha cuestión que ninguén discute hoxe en día. Con todo, a pesar de existir evidencias que avalan a prevención de enfermidades crónicas a través dunha dieta equilibrada, aínda quedan moitas incógnitas por resolver. Unha delas é o cancro.

Por este motivo, tres investigadores uniron esforzos desde as súas áreas de coñecemento para levar a cabo unha revisión química e farmacolóxica dos alimentos máis consumidos no contexto galego: a dieta atlántica do sur de Europa.

As propiedades anticanceríxenas

Se ben nun principio pode soar a ciencia ficción a idea de que un alimento poida previr ou inclusive atacar as células tumorais, o investigador Pablo Taboada, membro do Departamento de Física da Materia Condensada e do Instituto de Materiais (IMATUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), despexa todas as dúbidas: “Falamos de principios activos, de moléculas que están na composición dos alimentos. Para valorar esta actividade antitumoral téstase, nun primeiro momento, en modelos in vitro, é dicir, cultivos celulares. Utilízanse as moléculas identificadas e purificadas a distintas concentracións e en distintos tipos de células para ver se a súa resposta antitumoral é boa e se é específica ou non. Agora estamos tratando de ver os seus efectos en modelos in vivo, principalmente utilizando ratos, para coñecer como traballan dentro dun organismo”.

Neste sentido, a revisión tamén tivo en conta algúns dos mecanismos que poden alterar a estrutura molecular destes principios activos. Por exemplo, as altas temperaturas de cociñado dun alimento poderían mudar dita estrutura, provocando unha alteración destas propiedades farmacolóxicas estudadas ou inclusive a súa perda.

“Os principios activos poden ser preventivos, mais tamén ter unha acción directamente antitumoral”

PABLO TABOADA, físico

Así, outro dos factores a ter en conta, tal e como sinala Taboada, é a dose: “As moléculas teñen que resistir o proceso dixestivo para poder entrar no torrente sanguíneo. Aí, en principio, distribúense de xeito homoxéneo ao longo do corpo, tendo unha maior reactividade onde se atopen as células tumorais. O que estamos facendo a este respecto é comezar a encapsular este tipo de principios activos de maneira que estean concentrados e dirixidos ás zonas de interese. Así, podemos atopar dúas vías de acción. Por unha banda, a prevención, que se dá no caso de activos como os antioxidantes, os cales prevén o incremento de oxidación presente en moitos tipos de tumores. Mais tamén pode haber unha acción directamente antitumoral, como ocorre no caso da cúrcuma, cuxa eficacia ao impedir a proliferación das células tumorais xa está demostrada na literatura”.

Con todo, os autores desta revisión advirten que a alimentación supón só un terzo dos factores que inflúen na saúde e no benestar xeral, de maneira que aínda sendo un factor importante, non convén esquecer o conxunto de todos eles. Así, Alberto Coelho, membro do Departamento de Química Orgánica da Facultade de Farmacia da USC e do IMATUS, sinala máis evidencias coñecidas ata o momento: “Desde hai máis dunha década contamos cunha base de datos pública, Protein Data Bank, que permite ver a interacción de determinadas moléculas coa súa respectiva diana. Neste caso falamos de metilacións e outro tipo de procesos que teñen que ver coa epixenética, é dicir, afectan ao fenotipo e non á secuencia xenética. Estes cambios son longos de avaliar, mais puidemos basearnos en estudos realizados sobre outras poboacións, por exemplo en Okinawa (Xapón), unha rexión onde hai moita poboación centenaria, e comprobamos que existe unha correspondencia coa zona de Ourense“.

Máis grelos e menos comida rápida

Tendo en conta os principios activos presentes nos alimentos, os investigadores seleccionaron os alimentos máis consumidos dentro da dieta atlántica do sur de Europa segundo o último informe do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, correspondente a 2022. Así, algúns dos alimentos analizados foron o mexillón, o viño, a castaña, o pemento, o mel ou o aceite de oliva, mais houbo un que destacou por enriba do resto: o grelo.

“En Ourense hai 334 persoas que superan os cen anos, máis que en calquera outra provincia galega, polo que a través do Sergas teño un equipo no que realizamos 191 entrevistas a este tipo de persoas para analizar a súa alimentación, mais tamén outros factores como a espiritualidade, a socialización ou a actividade física co fin de extraer conclusións sobre a lonxevidade. Estes resultados non os teremos ata finais do ano que vén, mais o que si sabemos agora con seguridade é que se trata dunha zona na que se consumen moitos grelos. Na nosa revisión dedicámoslle varios folios a esta verdura precisamente porque conta cunha cantidade tremenda de moléculas anticanceríxenas e cada vez máis a evidencia a avala como un alimento estrela a pesar de que non sempre foi tan ben valorada”, explica Pablo García Vivanco, membro do Grupo de Traballo de Nutrición e Dixestivo da Sociedade Española de Farmacia Clínica, Familiar e Comunitaria (SEFAC) e da Academia Española de Nutrición e Dietética.

Se ben o grelo salienta tanto polo seu nivel de consumo como polas súas propiedades, os investigadores sinalan que estas poden estenderse de maneira xeral ao xénero Brassica, incluíndo brócoli, repolo, coles e nabizas.

Outra cuestión que salienta García Vivanco sobre a comunidade galega é a preferencia pola alimentación de proximidade e os produtos frescos: “En Galicia estamos á cola no que respecta ao consumo de comida rápida en España. Isto é moi importante pola pegada de carbono e a contaminación que supón o transporte, mais tamén polos nutrientes e a calidade destes. Para min, a verdura estaría na base da pirámide nutricional e ademais separada da froita. Sabemos que é esencial para regular moitas patoloxías como a diabetes tipo 2, mais tamén para a súa prevención“.

Do mar ao prato

Alén dos beneficios que se poden extraer dos alimentos da terra, o ecosistema mariño galego tamén ten as súas particularidades. “En ningún outro sitio de Europa existe un ecosistema parecido. Por suposto existen outras zonas boas como a rexión de Gales ou a de Noruega, mais polas características propias das augas e da temperatura non se dá o mesmo ecosistema que aquí. Ademais, a pesar dos accidentes de petroleiros nas nosas costas, Galicia ten as augas menos contaminadas de Europa, estragadas por mor da chuvia ácida ou doutros factores. Isto fai que teñamos un ecosistema afortunado que nos dá produtos con propiedades únicas. Actualmente hai investigacións centradas nas propiedades dos mexillóns e tamén do polbo, particularmente da súa tinta, así como do calamar“, explica Coelho.

“As algas deberían ser un elemento a ter en conta dentro da dieta atlántica”

PABLO GARCÍA VIVANCO, dietista-nutricionista

Nesta liña, García Vivanco sinala que “unha gota de auga da Ría de Vigo ten unha cantidade e variedade de microorganismos fotosintéticos que é difícil de ver noutras partes do mundo, de maneira que a cadea trófica a partir de aí vai estar moi enriquecida. Grazas a isto, o noso peixe e marisco ten unha gran calidade e temos datos que así o avalan”.

Mais os produtos animais non son o único que se pode extraer destes ecosistemas tan privilexiados, senón que a revisión realizada polos investigadores tamén tivo en conta un alimento que pouco a pouco se vai introducindo na gastronomía galega: “As algas son un alimento cun valor nutricional tremendo. Teñen moita fibra, proteínas e antioxidantes moi importantes. Agora podemos velas en diferentes formatos, como liofilizadas ou en latas e foi aumentando o seu consumo, mais aínda habería que impulsalo máis. Exportamos máis do que consumimos e realmente se temos en conta esa cadea trófica e os beneficios que podemos atopar nas nosas rías sería un elemento a ter en conta dentro da dieta atlántica”, manifesta García Vivanco.

Posibles vías terapéuticas

Se ben os últimos descubrimentos en relación a alimentación teñen a súa importancia, os investigadores tamén chaman a ter en conta a súa eficacia en relación a outros aspectos. “Non quere dicir que vaia facer efecto se eu tomo uns gramos de polbo unha vez cada quince días. Un principio activo debe presentarse na dose óptima e de xeito sostido. Con todo, tamén é certo que todo axuda e que estas conclusións poderían utilizarse como complemento a outro tipo de acción terapéutica, facendo que o efecto final sexa mellor”, sinala Taboada.

Nesta liña, García Vivanco explica que “por exemplo, no caso do xénero Brassica, indicamos que debería darse un consumo dunha ración de 150 gramos ao mediodía e outra igual pola noite. É difícil chegar a iso. No caso do aceite de oliva virxe extra ocorre o mesmo: a dose óptima serían 50 gramos e estamos nun consumo medio de 16. As propiedades están aí, claro, mais para que se produzan esas metilacións ou mecanismos epixenéticos hai que chegar a unhas doses óptimas. Un ibuprofeno pode ter propiedades antiinflamatorias ou antipiréticas, mais ao mellor non chega con tomar 100 miligramos. Debe ser a dose exacta”.

Por este motivo, outra das liñas que buscan abrir os investigadores e que queren desenvolver nun futuro é a da indicación nutricional, utilizando a boa calidade e os beneficios dos alimentos que forman parte da dieta galega e que están reflectidos na revisión para poder actuar de maneira individualizada e axeitada para cada contexto.